mércores, 23 de marzo de 2016

Entrevista a Benigno Galego Castro: Os retos para o mandato son acción social, a xeración de emprego e a busca de novas liñas de financiamento ... En temas de medio ambiente Europa financia ata o 100%. Hai tamén proxectos de eficiencia enerxética, de loita contra o cambio climático... Estamos buscando algo innovador en materia de depuración. Outro proxecto interesante é na área de residuos sólidos urbanos...

A continuación transcribimos esta interesante entrevista, onde o recentemente elixido alcalde de Cerdido, formula una serie de proxectos e actuacións que son dignas de consideración. Desde a nosa perspectiva, marca un camiño moi interesante, para saír da depresiva situación de declive na que se atopan as comarcas do noroeste galego.

" ...
En temas de medio ambiente Europa financia ata o 100%. Hai tamén proxectos de eficiencia enerxética, de loita contra o cambio climático ... Estamos buscando algo innovador en materia de depuración. Outro proxecto interesante é na área de residuos sólidos urbanos. Tratase de valorizar os residuos facendo biomasa. E máis ecolóxico que Sogama e abarataría moito o custe (de 60 euros a 15 euros por tonelada). Pero tería que ser un proxecto comarcal. ..."

Entrevista a Benigno Galego Castro [*]


"Necesitamos un plan de rehabilitación de vivenda para acoller aos 700 temporeiros que contratará Horticina no ano 2018"

Os retos para o mandato son acción social, a xeración de emprego e a busca de novas liñas de financiamento. O obxectivo: "dar os mellores servizos aos veciños".


P.: Nestes meses á fronte do Concello de Cerdido. Que atoparon e que fixeron?

R.: Economicamente atopamos ben o concello.Tiñamos remanentes de entorno a 90.000 euros e nese sentido non nos queixamos. Onde invertilos, tamén tińamos moitos sitios.

P.: Onde se investiu?

R.: Uns 25.000 euros foron para a devolución da paga extra dos funcionarios. Despois metemos remanentes en accións urxentes, coma o asfaltado dalgunhas pista, arranxos de humidades en determinados edificios, en dependencia...

P.:Aprobado o orzamento de 2016, muda en algo respecto ao do anterior equipo de goberno?

R.: A maior parte do orzamento é para os gastos de persoal. Pero aumentamos o presuposto en acción social e, sobre todo, en dependencia. Puxemos o servizo para sábados, domingos e festivos, que non había. E por iso incrementamos a partida en 30.000 euros. Destinamos o 17,15% do orzamento a acción social, pasando duns 167.000 euros a 197.000 euros.

P._ Contemplan algunha acción destacable para xerar emprego no concello?

R.: Esperamos que a Deputación da Coruña saque o plan de emprego e nós apostamos tamén pola formación. Estamos levando a cabo cursos de atención a domicilio e horticultura, que é unha aposta bastante forte para un concello pequeno.

P.: E boa a inserción laboral destes cursos?

R.: O de atención a domicilio ten bastante inserción e as persoas saen coa certificación profesional e con pŕáticas feitas. No plano da horticultura, agardamos que xere autoemprego e tamén hai opcións de inserción. Defeito, apostamos por iso por unha empresa local que prevé a creación de bastantes empregos. Horticina ten unha plantación de arandos aquí n'A Barqueira, que dentro de dous ou tres anos precisará sobre 700 persoas á hora da recollida do produto. Por iso se enfoca cara ese sector a formación. Este ano xa se prevé a creación, na recollida, de 80 postos de traballo.

P.: Ten Cerdido capacidade para acoIler a estes traballadores?

R.: Cerdido, agora, non daría asumido ese volume de xente. Tivemos unha reunión coa Consellería para ver se podiamos crear un plan de rehabilitación de vivenda, que nos permitiría xerar traballo na construción e cremos que algunha xente se asentaría no Concello. Horticina comprometese a alugar as vivendas para aloxar aos temporeiros. Apostamos por iso para 2018, cando o proxecto tería a produción total. E como a recolleita é de xullo a outubro, e é temporada alta no entorno, queremos adiantarnos ao problema e darlle unha solución.

P.: Está o futuro do Concello no sector agrícola ? Cren que asentará poboación?

R.: Cremos que aquí na zona rural a agricultura está por explotar e pode ser bastante produtivo. Nós, para asentar poboación, apostamos pola creación de postos de traballo. Horticina parécenos moi interesante neste plano e tamén queremos desenvolver o polígono industrial, pero teríamos que facer unha modificación no plan de urbanismo, para poder urbanizar por fases que face-lo ao 100% coa crise é difícil.

P.: Hai empresas interesadas en asentarse neste polígono?

R.: Polo que viamos dende antes e polo que vemos agora, hai empresas sobre todo o do sector forestal interesadas, Só dende que estamos nós, veu unha empresa que se quería instalar aquí, pero o inconveniente é que non temos solo industrial. Realmente, cremos que arrastraría máis empresas, Non grandes empresas, coma nas Somozas, pero si outras máis pequenas, que tamén contribúen a xerar emprego.

P.: Que cambios aspirades a facer en Cerdido neste mandato?


R.: Cos orzamentos que temos é difícil. Hai que traballar moito no día a día. Non podes facer un plan de futuro porque o presuposto é moi limitado. Pero a nosa idea é dar os mellores servizos aos veciños. Incluso buscar novas vías de financiamento. Fai pouco fomos a Bruxelas e trouxemos información.

P.: Algún proxecto en mente optando a fondos europeos?


R.: O Concello pode optar directamente a axudas europeas sen pasar pola Xunta ou o Agader. En temas de medio ambiente Europa financia ata o 100%. Hai tamén proxectos de eficiencia enerxética, de loita contra o cambio climático ... Estamos buscando algo innovador en materia de depuración. Outro proxecto interesante é na área de residuos sólidos urbanos. Tratase de valorizar os residuos facendo biomasa. E máis ecolóxico que Sogama e abarataría moito o custe (de 60 euros a 15 euros por tonelada). Pero tería que ser un proxecto comarcal.

P.: Europa segue a ofrecer oportunidades?

R.: O Problema é desenvolver o proxecto. En Bruxelas, sorprendíanse de que non se pediran máis axudas neste plano. Supoño que moitos concellos non saben que existe vía para optar a fondos europeos directamente. Nós tamén pensabamos que os fondos viñan a partir doutras administracións.

Fonte: Publicada na revista "Norte Atlántico" Febreiro de 2016. | Entrevista a Benigno Galego Castro, Alcalde do Concello de Cerdido.

[*] Benigno Galego Castro, Cerdido, 1977. É funcionario da Administración Xeral do Estado (Defensa). Membro do PSdeG-PSOE, foi elixido alcalde nas pasadas eleccións locais de maio de 2015, onde a súa candidatura acadou a maioría absoluta, desbancando ao PP que viña gobernando o concello até entón. Benigno Galego non é novo na actividade municipal, pois levaba dez anos como concelleiro na oposición.

||||||||||||||||||||

Xornada de Traballo para un Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica (Segunda Sesión).


Este mércores 23 de Marzo, continuamos coas Xornadas de Traballo para un Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica, ás 18:00 horas no local de Fuco Buxán en Caranza (Rúa Armada Española, 32 Baixo).

O obxectivo destas xornadas de traballo, é intentar desenvolver unhas bases mínimas sobre as que construír o Plan de Choque Comarcal Contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica, para poder ter información e argumentos de peso nas posibles reunións de traballo que poidamos ter cos diferentes gobernos municipais. Mais tamén ir perfilando o posicionamento político e a estratexia, para quen preside as administracións locais das tres comarcas do noroeste galego, tomen a iniciativa e se preocupen a fondo nas solucións ao declive industrial, social, demográfico e económico na que estamos inmersos nesta moi rica zona de 20 concellos e de 196.203 habitantes.

Neste enlace están os datos dos concellos  http://asmarchaspoloemprego.blogspot.com.es/

Na primeira sesión das Xornadas, elaboramos unha guía de traballo cos horarios á que achegamos: Acceder/Baixar.

Marchas da Dignidade Ferrolterra

Contacto:
Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  |
Teléfono: 602 587 531 |

|||||||||||||||||||||

domingo, 13 de marzo de 2016

En 2016, a loita por un Plan de Choque Comarcal Contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica, continúa. Seguiremos informando e actualizando, participa!!

A Tarxeta do Paro aos Concellos e á Xunta

De Febreiro a Xullo de 2015 foi a primeira etapa da loita contra o paro, polo emprego e renda básica

Ante a grave situación que estamos a atravesar, nesta estafa que chaman crise. Onde o paro e as insuficientes e recortadas prestacións sociais, condenan ao sufrimento e a unha lenta agonía, a miles de persoas nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. As Marchas da Dignidade de Ferrolterra, en Febreiro de 2015 iniciamos unha loita para conseguir que se poña en marcha un Plan de Choque Comarcal Contra o Paro, polo Emprego e Renda Básica. Os comezos da loita, foron a recollida en 8 dias de 1325 sinaturas, de apoio a esta causa, diante das dúas oficinas de emprego, concentrándonos en sinal de protesta, todos os xoves, durante 5 meses, diante do edificio administrativo da Xunta en Ferrol. Na actualidade levamos o recordatorio da recollida desas sinaturas, aos 20 concellos que conforman as tres comarcas. Demandando que se unan, para afrontar, os problemas do desemprego e as insuficientes e recortadas prestacións sociais, dunha maneira totalmente diferente a como se veu facendo ate agora. A promoción do emprendemento, os diferentes plans industriais comarcais, as chuvias de millóns a empresas chupa-subvencións que non aportan ningún valor engadido social e ambiental, resultaron ser un verdadeiro fracaso.

A loita por un Plan de Choque Comarcal Contra o Paro, polo Emprego e Renda Básica, continúa. Seguiremos informando e actualizando, participa!!


https://www.youtube.com/playlist?list=PL9NN9qZsYIL_gSIUF92ftTQky8CYHPBn6


||||||||||||||||||||

luns, 7 de marzo de 2016

Curso de Fruticultura en Cerdido da Rede Xiana 2 da Deputación da Coruña


Aberto o prazo de inscrición para novo Curso de Fruticultura en Cerdido da Rede Xiana 2 da Deputación da Coruña.


Vaise realizar en CERDIDO un curso de AGAF0108 FRUTICULTURA (RD 1228/2006, de 27 de outubro, BOE de 3 de xaneiro de 2007)

Horario: de 9 a 14,30 H

Lugar: Casa da Cultura do concello de Cerdido.

O curso comezará na segunda quincena de marzo, e ten unha duración total de 880 horas (600 horas de formación teórica, 80 horas de orientación laboral e 200 horas de formación práctica en entidades e empresa da provincia relacionadas co sector). Os contidos son os seguintes:
  • UC0517_2: Realizar os labores de preparación do terreo e de plantación froitais.
  • UC0528_2: Realizar as operacións de cultivo, recolección, transporte e primeiro acondicionamento da froita.
  • UC0525_2: Controlar as pragas, enfermidades, malas herbas e fisiopatías.
  • UC0526_2: Manexar tractores e montar instalacións agrarias, realizando o seu mantemento.
Obxectivos do curso: proporcionar a información, formación e experiencia profesional necesaria para realizar as pequenas operacións de instalación, mantemento, produción, recolección nunha explotación froitícola, controlando a sanidade vexetal, manexando a maquinaria, aplicando criterios de boas prácticas agrícolas, de rendibilidade económica e cumprindo coa normativa medio ambiental, de control de calidade, seguridade alimentaria e prevención de riscos laborais.

Os requisitos académicos e de formación para poder participar son os mesmos que para o acceso a un certificado de profesionalidade de Nivel 2.

O prazo de inscrición é dende hoxe mércores 3 de Marzo até o mércores 16 de Marzo.

Aberta a toda persoa interesada das comarcas de Ortegal, Eume e Ferrolterra.

Para calquera dúbida podedes poñervos en contacto cos responsables municipais do proxecto en cada concello.

||||||||||||||||||||